VIXOI

Veciños mobilízanse para esixir cambios na senda de Vixoi e frear as expropiacións
Reclamarán a suspensión cautelar da ocupación de terreos por posibles anomalías na tramitación do proxecto tras ser asesorados por avogados contratados polo PP

a opinión Pérez Bergondo 17.02.2019 | 00:52
Veciños afectados pola senda de Vixoi, onte, tras a reunión que se celebrou no centro social. 
A convocatoria para o próximo 21 de febreiro do levantamento das actas previas á ocupación dos terreos para executar a senda de Vixoi disparou a preocupación entre os veciños desta localidade bergondesa, que afirman que non foron informados o proxecto definitivo e do impacto que tería esta obra nas súas propiedades.
Os residentes mantiveron onte unha reunión cun avogado e un arquitecto contratados polo PP para analizar posibles vías para frear esta actuación e forzar a Concello e Deputación a introducir cambios no proxecto que minimicen a afectación ás parcelas polas que discorrerá a senda.
Os ao redor de corenta residentes que acudiron ao encontro recalcan que non se opoñen a l a execución dun paso seguro desde o acceso a Vixoi pola N-VIN ata preto do centro social, o parque infantil e a pista polideportiva. "Todo o contrario", afirman. Trátase dunha antiga demanda da poboación, relata o presidente do colectivo, Juan Carlos Lamas: "Pedimos as beirarrúas desde hai moito anos, prometéranolas xa o anterior alcalde; pero non queremos que as fagan de calquera forma. Hai un ano a alcaldesa [Alejandra Pérez] díxonos que non se ían a facer porque a Deputación quería facer unha estrada moi ancha e agora aparécennos de vez con isto", critica.
O proxecto que se aprobou no pleno provincial de xaneiro tras a firma dun convenio co Concello consiste en ampliar o ancho da estrada de 4,5 metros a 6,5 metros cunha senda de dous metros de ancho para peóns pola súa marxe dereita.
Segundo relatan os veciños, Concello e Deputación convocáronlles a unha reunión o pasado novembro para informarlles do proxecto, pero denuncian que o aprobado non se axusta ao prometido. Os afectados pola expropiación alertan do impacto nos seus propietarios e esixen que se aclaren os motivos polos que só se expropia nunha marxe.
Os residentes que participaron onte na reunión cos técnicos contratados polo PP acordaron asinar unha acta de non conformidade coa expropiación o próximo 21 de febreiro e reclamar a suspensión cautelar do proceso por posibles erros na tramitación do proxecto. Os técnicos que participaron no encontro puxeron o acento na falta de transparencia na tramitación: "O lóxico é que fixesen público o proxecto", incidiu o avogado.
O candidato polo PP e portavoz de Veciños de Bergondo, Manuel Fafián, instou os veciños a facer unha fronte común para forzar á Administración a atender as súas demandas. "O día 21 non ides estar sós", garantiu o concelleiro, que recalcou que o seu grupo apoiara en pleno a execución da senda, pero a condición de que se pactase o seu trazado cos afectados. "Deixei ben claro que tiñan que ir da man dos veciños", recalcou.
O Concello destaca que se trata dunha actuación moi demandada, aínda que admite comprender a preocupación veciñal. "Estamos seguros de que a obra valerá a pena e conseguiremos mellorar a seguridade viaria nunha zona de tráfico elevado. Esta intervención é crucial, pois garantirá unha boa conectividade entre San Fiz de Vixoi e Cortiñán", apuntan desde o Goberno local.
O Executivo municipal sostén que convocou unha reunión cos redactores do proxecto para que os residentes "puidesen facerlles chegar as súas dúbidas e inquietudes". "O equipo de goberno estivo e estará a disposición das persoas que quixeron falar desta obra", recalcan os responsables municipais, que inciden en que o proxecto "se atopa no seu punto inicial" e que velarán "porque se faga ben" e que manifestan as súas sospeitas de que é un "tema politizado polo PP"

Share by: